A RECONCILIACIÓN PROPICIADA POLO SÚPER PODER DO SORRISO

Afonso Becerra Arrojo – 10 Abril 2017

Había moito tempo que non acudía a ver un espectáculo “para familias” ou para a infancia. Quizais o último debeu ser KASA de Elefante Elegante. Onte fun ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo ver O PODER DE AMABEL da Cía Pérez & Fernández. Unha adaptación de Victoria Pérez da novela homónima de Érica Esmoris, interpretada con bonecos de croché por Victoria Pérez e Manu Fernández. A dirección escénica foi orquestrada pola propia Victoria e Jose Leis Martinez.

O PODER DE AMABEL é un espectáculo sumamente amábel, no bo sentido da palabra, xa que sintetiza toda unha historia de vida, a partir do encontro da parella protagonista, Amabel, veterinaria, que fai bonecos de croché, e Brais, violinista, cando coinciden en Tokio e recordan a súa patria da infancia. Aí a trama de sucesos dá un salto temporal ao pasado para amosarnos os desacougos e os soños dos dous cativos en confrontación coas súas familias, nomeadamente as ansias por ser alguén especial. Amabel ansiaba posuír súper poderes e na súa busca, acompañada por Brais, só achaba decepcións ata que, finalmente, despois das aventuras vividas, e coa axuda da avoa, descobren que o seu súper poder é o de suscitar un sorriso nas/os demais. Esa anagnórise dos cativos lígase coa reconciliación nunha nova historia entre Amabel e Brais, como adultos, orientada cara ao futuro.

O espectáculo xoga coa simultaneidade da actuación da actriz e do actor, no plano da performance real en escena, xunto á interpretación dos bonecos, nun plano máis ilusorio ficcional.

A min sorprendeume gratamente o ton da actuación e da interpretación, sobre todo no reto que supón a ventrilocuia de darlles voz aos bonecos sen caer en manierismos estereotipados e en entoacións infantilizadas ou ridículas.
Victoria Pérez e Manu Fernández empregan diferentes tipos de voz, para prestárllela aos personaxes bonecos, sen afastarse das súas propias voces actorais e sen recorrer a entoacións impostadas. Isto achega unha verosimilitude ao traballo, que vai parella a ese primeiro nivel de xogo actoral real enriba do palco.

Tamén hai unha coherencia total no enexeño escenográfico, deseñado por Jacobo Bugarín, que é totalmente funcional respecto ao xogo cos monicreques, sen decoracións nin ningún elemento colorista infantiloide. Trátase dun estaribel feito con listóns de madeira, nunha concepción moi arquitectónica, no que se dispoñen pequenas luminarias e outros elementos corpóreos de carácter neutro que, coa actuación, se transforman naquilo que a ficción necesita.

Esta non impostación tamén coincide cunha maneira serena de administrar os tempos da actuación. Non hai présa nin hai precipitación, non hai un forzado frenesí na busca de captar ao público infantil, como poderiamos presupoñer. Non hai estridencias. Hai, pola contra, un sosego e unha fluidez na actuación que resulta moi agradable e incluso facilita unha certa sensación de nostalxia respecto aos desexos e aos desacougos das crianzas.

O público máis novo que acudiu ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo parecía atento, non rebulía, ría de cando en vez. Diríase que O PODER DE AMABEL é un bálsamo respecto ao conflito que poden xerar as teimosías e as falcatruadas das cativas e dos cativos.