Foto: Corsino©

Pérez&Fernández é unha compañía de artes escénicas, creada por Victoria Pérez e Manu Fernández, especializada en proxectos e artes escénicas para público familiar. Dende a súa creación, producen tres espectáculos teatrais: "O poder de Amabel" no ano 2015, espectáculo baseado na novela homónima da autora coruñesa Erica Esmorís; seguidamente producen "Aguratrat" no 2017, unha adaptación a escena do conto Esio Trot, de Roald Dahl, un dos autores máis coñecidos da literatura infantil universal; e en febreiro do ano 2020 estrean "Os nenos da Varíola", a súa proposta escénica máis ambiciosa, baseada na exitosa novela de María Solar. As tres pezas seguen en xira ata o momento, ao mesmo tempo que dous espectáculos de pequeno formato: "Picnic", unha proposta bilingüe galego/inglés, e "Rosa e Azul", contacontos pola igualdade, que celebra a diversidade LGTBIQ e que racha cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto dende que nacemos. Todas as súas propostas escénicas naceron cun compromiso ético e estético na procura de agasallar ao público cunha experiencia artística feita con calidade e rigor e co compromiso de fomentar unha participación igualitaria na selección do seu equipo artístico.

  • Facebook
  • Instagram
  • Mail