30 de Novembro de 1803: "​A Real Expedición Filantrópica da Vacina​" parte dende o porto da Coruña. ​Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana "brazo a brazo" para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.

Pérez&Fernández en coprodución co ​Centro Dramático Galego presenta a adaptación á escena da novela de ​María Solar "​Os Nenos da Varíola​". Unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina, na que a súa heroína máis esquecida convertíuse nun dos piares máis importantes da expedición, a reitora da Casa dos Expósitos, ​Isabel Zendal​.

"Os nenos da varíola" é un proxecto escénico de divulgación científica, memoria histórica e de posta en valor dunha muller pioneira esquecida pola historia: Isabel Zendal. Nace nunha familia pobre de solemnidade, nunha aldea do concello de Ordes. Emigra á Coruña onde, sendo nai solteira, traballará de reitora na Casa de Expósitos. En novembro de 1803, como parte do equipo médico da Real Expedición Filantrópica da Vacina, emprende unha viaxe transoceánica de catro anos, que lle dará o creto de ser a primeira enfermeira da historia en misión internacional de saúde pública. Coidaba do único elo imprescindible da "REFV": os expósitos que, de brazo a brazo, levaron a América e Asia a primeira vacina coñecida —a da varíola—. Unha vida extraordinaria, dende unha orixe moi marxinal, ata os máis altos cumes do esquecemento.

Malia que foi considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e que goza dun merecido recoñecemento en México, onde rematou os seus días unha vez concluído o traballo na expedición da vacina, Isabel Zendal foi sempre unha descoñecida no seu país de orixe.
Por fortuna, as investigacións do historiador e xornalista Antonio Lopez Mariño, o libro de María Solar ou a Asociación Isabel Zendal son bo exemplo de traballos con vocación divulgativa que ao tempo fan xustiza a unha figura tan descoñecida. A peza escénica "Os nenos da varíola" quixo sumarse ao interese por dar a coñecer esta apaixonante historia e a difundir con orgullo a figura dunha muller admirable, protagonista dunha xesta histórica merecedora de todos os recoñecementos.
  • Facebook_Variola

 Foto: Corsino©

 Foto: GF_Studio©

Foto: Montse Piñeiro©

Equipo artístico

Victoria Pérez

Manu Fernández

Isabel Risco

Xose Leis

As actrices Victoria Pérez e Isabel Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis interpretarán á ducia de personaxes que protagonizan esta historia: as monxas da Casa de Expósitos, os doutores Balmis e Posse Roybanes, os nenos protagonistas da ficción de María Solar, e a muller que finalmente fixo posible que esta Real Expedición Filantrópica se fixera realidade, Isabel Zendal.

DISTRIBUCIÓN

URDIME

info@urdime.net

981 937 424

619 920 335

679 946 957

  • Facebook
  • Mail
  • Youtube